xustiza?

Publicado en: Sen clasificar por clubdacalceta o outubro 9, 2009

Hai inxustizas que non poden repararse. Porque o propio sistema que as acubilla faise chamar legal pero non é. Pouco importa que esa legalidade estea construída dende a discriminación e a mentira. Dende a cerna mesma do inxusto. Haberá quen diga que cómpre tentar cambiar o sistema con paciencia e seguramente terán razón. Pero para a xente coma min a paciencia rematou. Só a nosa vida fera é capaz de pechar os seus tribunais e marcar por fin un horizonte limpo. Porque a nosa vida pon en dúbida as súas certezas. E dende esa fenda avanzamos.

Tags:

historias de Madame Ébano-I

Publicado en: Sen clasificar por clubdacalceta o setembro 14, 2009

Hai persoas que son un tesouro de sabedoría, e estas son as máis importantes de abordar. Ensínannos a vivir a vida, ensínannos que se cadra o que facemos non é algo tan fóra do normal, que houbo quen antes xa navegou polas mesmas augas. Actúan polo xeral como buguinas que coñecen as historias e as lanzan ás mareas para facer que nos sintamos parte dunha liñaxe. Madame Ébano é unha desas buguinas, un deses tesouros e abofé que moito máis ca iso. Grazas a ela son moitas as historias que cheguei a coñecer e que agora fican no meu van para facer eu tamén de buguina destes mares.

A primeira historia que vos quero contar ten que ver con Etheethelfledalfleda (870-918), a quen se cadra non coñeceredes. Mais ela foi a raíña dos mares, ademais de unha das fundadoras da nosa actual Inglaterra, da que eu saín hai xa certos anos para vivir no mar. Ethelfleda, raíña de Mercia, loitou contra os daneses nas augas e fixo da batalla a súa vida. Conquistou Derby, Leicester e mesmo chegou a Gales. Dende a súa man baixa ata a min se cadra o fervor da batalla e o gusto polo mar. Por este mar onde a soidade virá sempre acompañada da súa memoria e da de Madame Ébano.

 

Tags:

comunidades de iguais

Publicado en: Sen clasificar por clubdacalceta o setembro 7, 2009

Son moitas as cousas que ignoran os poderosos. Pensarán que as nosas forzas son poucas, ou que carecemos do necesario para poñer as nosas demandas sobre a mesa (cartos, posición, quen sabe!). Mais ignoran o fundamental. Ignoran o que nos move, o desexo de movernos nunha comunidade de iguais. Esas comunidades existen xa e alá é onde busco os azos, onde as sereas veñen bicarme os beizos cos seus cantares, onde podo abrir a camisa e quitar a man do sabre (só un intriño). Aí é onde podo crecer. Onde collo folgos, respiro fondo, deixo que o entendemento con outros seres humanos me sobrecolla, énchome de ilusión e me reafirmo en que os poderosos, por moi poderosos que sexan, non deixan de estar equivocados. Porque nós defendemos a xustiza e eles só o seu poder. E mentres haxa comunidades de iguais, teremos folgos para a batalla.

 

Tags:

liberdade e cativerio

Publicado en: Sen clasificar por clubdacalceta o agosto 31, 2009

Dar a vida pola liberdade, por facer o que queremos, por ser quen somos, é algo ao que piratas de todo tipo estámos en disposición. En disposición de morrer por facer a nosa vontade. Esta a nosa morte é antagónica a outra, a aquela que acontece cando unha muller tenta facer a súa vida e aparece nunha matogueira, asasinada vilmente, con covardía desprezable. Hai mesmo mortes en vida, cativerios en gaiolas de cristal con barrotes de ouro, como ben sabe a miña Anne. Fóra dos barcos pirata, na sociedade de xente “decente”, a liberdade dos homes é o cativerio das mulleres. Contra ese cativerio e tantos outros, nós loitamos. Mais, matar e morrer, cando rematará este ciclo? Cando poderemos facer a nosa vida sen ter que temer a morte?

Tags:

cando as cousas se poñen complicadas…

Publicado en: Sen clasificar, velas ao vento por clubdacalceta o agosto 24, 2009

Cando as cousas se poñen complicadas hai xente que cala e achanta, xente que foxe, xente que abaixa as orellas porque é mellor non discutir, xente que apoia a opresión allea porque saca tallada. Vivir nas marxes é dicir non a calar, non a baixar as orellas, non, non e non a sacar tallada da explotación allea. Se cadra esas xentes buscan só sobrevivir nas duras mareas que azoutan as augas, mais para nós que izamos a bandeira pirata sobrevivir é outra cousa. O que nos define é, precisamente, que canto máis complicadas se poñen as cousas máis afán temos de manternos en pé, de que non nos rompan as pernas e de non dobregar as costas ante ninguén. Ficar en pé sobre o barco significa recibir os ataques dos ventos, as ameazas das espadas, as expulsións, o desprezo. Custa. A liberdade non é gratuíta. Mais a escravitude é para nós un prezo que endexamais poderemos pagar.

Tags:

cada día, o último día

Publicado en: velas ao vento por clubdacalceta o agosto 20, 2009

Para as persoas que cremos na vida, cada día debe vivirse como se fose o último. Isto non impide mirar polo anteollo e tentar albiscar cara a onde queremos que nos leven as correntes. Pero no peito debe latexar esa paixón. Sabendo que con cada paso que damos o mundo pode ser diferente, tentando gozar de cada sentimento e de cada movemento, sabendo que o tempo é moi limitado e que por iso hai que usalo con siso. Co siso de amar, de comprometerse, da xustiza, de recibir e de darse. Así tento vivir, con todas as consecuencias, a miña vida. Ás veces hai loitas e magoan as espadas pero cando me deito polas noites na cuberta, sei que só vivir así me dá a felicidade.

Tags:

ausencias

Publicado en: Sen clasificar por clubdacalceta o xullo 5, 2009

o mar lévame ao sur, a unha nao de terra dende a cal as comunicacións non son posibles. pero a partir do 8 de agosto volveremos sucar estas ondas. agárdovos!

Tags:

O noso capitán

Publicado en: Sen clasificar por clubdacalceta o xuño 27, 2009

calico-jackPode que as roupas rechamantes despisten. Pode que semelle por veces que non ten a cabeza moito sobre os ombreiros. Pode que o seu amor polo diálogo o faga parecer feble. Mais todo o mundo sabe quen é Calico. Todo o mundo sabe como liderou un motín contra Charles Vane pola súa crueldade e como tivo a toda a tripulación detrás del. Todo o mundo sabe do seu carácter ecuánime e do seu espírito afouto e cortés. Todo o mundo sabe que el é o noso capitán.

Tags:

Ela

Publicado en: páxinas por clubdacalceta o xuño 23, 2009

Chamoume a atención. Sen dúbida. Había outras mulleres. Pero non eran coma ela. Baixei a aba do sombreiro, a mellor maneira de observar. A máis arteira. Só os ollos unha liña. Unha liña entre a aba do chapeu e o vaso de ron. Non me gusta moito beber. Pero é a mellor maneira de non facerse notar. E de observar. Liñas e liñas. Aí si son capaz de ler.

Tags:

comentarios

Publicado en: Sen clasificar por clubdacalceta o xuño 17, 2009

á fin funcionan os comentarios, agardamos novas da ultramar!

Tags:
Anotacións máis recentes »